domingo, 9 de noviembre de 2014

Day 5


Day 5: Produción sinxela de vídeo, gravación en vídeo do feedback e tempo de despedida.

E chegou o último día. Dedicámolo fundamentalmente a iMovie. Impresionante aplicación!
Eu non son unha gran fan de Apple, pero hai que recoñecer que iMovie impresinoume. Despois dunha breve explicación sobre os rudimentos do funcionamento da aplicación, fixemos primeiro un pequeno video de ensaio.


De seguido, déronnos 1 hora para gravar un vídeo co feedback do curso. Traballamos por grupos a resposta a 3 preguntas: 
  • que aprendiches/que che gustou?
  •  que pensas facer no futuro (vou usar o iPad para)? 
  • e que podería mellorarse?
Incrible, pero o fixemos. En tan só 1 hora, cada grupo gravou o video, editouno (engadindo música, texto...) e presentámolo conxuntamente.


E.. finalmente, chegou a hora dos diplomas e a despedida final. Un curso realmente bo en todos os sentidos: a información recibida (teórica e práctica), as realidades vistas (tanto en Atempo como na escola de Jennersdorf), o contacto coas iPads (para min, por primeira vez), o clima relaxado e amigable entre os participantes. En resumo, unha moi boa experiencia.








Day 4


Day 4 (Xoves 30): Características de accesibilidade, o mercado de apps e a clase virtual.

Na primeira parte da sesión da mañá se nos deron a coñecer certas características das iPads que facilitan especialmente a aprendizaxe de persoas con discapacidades: Siri, lectura de pantallas e de páxinas web, como usar as restriccións para facelas máis seguras..


Foi unha información moi útil que foi acompañada seguidamente dunha demostración por parte dalgúns estudantes de Atempo sobre como utilizaban certas apps da iPad ou certas características delas na súa vida cotiá e na súa aprendizaxe. Algún exemplos de axuda á integración resultaron máis que elocuentes (caso de Siri para as persoas cegas).

Así vimos, desde a mellora do cálculo mental ata a creación dun proxecto de planificación e autodesenvolvemento para asistir a un concerto de rock. Moi ilustrativo.



Na sesión da tarde  demos un repaso a webs con información relevante sobre o uso das iPads nas aulas, listas de apps útiles...



Finalmente, fixemos unha posta en común de experiencias con diversas apps que utilizamos na clases, así como uso de contornos virtual de aprendizaxe (Edmodo, Google Drive).


Day 3


Day 3 (29 de outubro): Visita á escola iPad Jennersdorf e ao castelo de Riegersburg.

E chegou o día do futuro. Tal vez... noutro espazo, noutro tempo, noutra vida... chegemos a ter o que teñen nesta escola.
Nesta escola de secundaria levan introducindo iPads nas aulas desde o ano 2000 e agora contan con aproximadamente o 50% do alumnado e das aulas traballando coas iPads de forma cotiá.
Comezou o día coa presentación do director (moi espectacular) sobre a utilización docente da realidade aumentada (AR).


Posteriormente contáronnos a súa historia coa introdución das iPads nas aulas. Unha historia de 14 anos, moitas probas e moito traballo (e moito custo tamén).



Despois leváronos de visita por unhas cantas clases nas que os alumnos usan as iPads como ferramenta de traballo habitual no seu estudo (Relixión, Matemáticas, Inglés, Bioloxía).






Trala visita, marchamos cara ao castelo de Riegesburg, e non pensedes que só íamos de lecer, non, non, levábamos deberes fotográficos para a sesión do día seguinte.







sábado, 8 de noviembre de 2014

Day 2


Day 2 (martes 28 de outubro): O sistema educativo finlandés e Apps para a aprendizaxe creativa.

O día comezou cunha moi interesante presentación do sistema educativo finlandés por parte de Petri Ilmonen, xerente de desenvolvemento da fundación FAIDD (Asociación Finlandesa para o Desenvolvemento de persoas con Discapacidades Intelectuais).



Paga a pena que lle botedes unha ollada. Deunos unha panorámica actualizada e bastante crítica acerca do bo e do malo do sistema educativo finlandés. Resultou moi interesante escoitar de primeira man esas informacións: a notable baixada de resultados nos informes PISA máis recentes (especialmente en Matemáticas), Ademais, foi máis alá de PISA, analizando cuestións como a equidade dos sistemas educativos, o contorno económico familiar e a súa posible relación cos resultados académicos, outros indicadores para medir o éxito (os índices de eficiencia)... Todo isto nun discurso algo crítico, pero cheo de ilusión e expectativas. Facéndonos cuestionar como estamos implementando os resultados na busca de melloras que leven aos nosos estudantes ao éxito na vida.
Tivemos unha posta en común comentando cada un dos participantes como víamos a situación nos nosos países. Serviu para comprobar que "en todas parte cocen fabes": temos problemas moi similares e, na realidade, as diferenzas son menores do que cremos.
Finalizou a súa exposición coa reflexión de como poden as iPads axudar no proceso de mellora dos resultados, especialmente no tocante á intregación e o éxito do alumnado con discapacidades. As aplicacións (e as metodoloxías) que nos amosou resultaron realmente ilustrativas e moi impactantes.


Xa pola tarde, traballo práctico coas iPads: aplicacións para a aprendizaxe creativa:


Day 1

Día 1 (luns 27 de outubro): Coñecéndonos e consellos para o uso dos tablets.

Comezamos o curso cunha presentación por parte da organización Atempo acerca de quen son e como traballan. Resultou moi ilustrativo (cun percorrido polas instalacións para ver in situ o que traballan cos estudantes), e fíxonos de guía unha das estudantes que teñen alí.


A modo de pequena reportaxe fotográfica.

O edificio
 
A "galería da fama", os diplomas dos alumnos/as que estudaron en Atempo e atoparon traballo.


Aulas de traballo.



Trala visita polas instalacións, comeza o "duro" traballo coas iPads.


Buscando os botóns...
Empezando a producir...
Unha pequena presentación con Keynote

martes, 4 de noviembre de 2014

Course Agenda



Este foi o programa do curso:

Luns 27: Coñecéndonos e primeiros usos no uso dos tablets.

Martes 28: O sistema educativo finlandés e Apps para a aprendizaxe creativa.

Mércores 29: Visita á iPad Escola Jennersdorf e ao Castelo de Riegersburg.

Xoves 30: Características de accesibilidade, Apps no mercado e clases virtuais.

Venres 31: Produción de vídeos (iMovie), vídeo feedback e tempo de despedida.



Curso de mobilidade profesorado Erasmus+



O pasado curso académico, un grupo de profesores do IES Mugardos (A Coruña) solicitamos un proxecto europeo Erasmus+, titulado "Preventing underachievmentes. Meeting our students needs." que tiña como acción clave a realización dunha serie de mobilidades do profesorado para a aprendizaxe (KA1). Foinos concedida unha beca por parte da Axencia Estatal española para os proxectos europeos de cara á realización de 5 mobilidades do noso profesorado ao longo deste curso 2014-2015.


Na semana do 27 ao 31 de outubro estiven en Graz, asistindo a un dos cursos de formación de profesores aprobados, este en concreto centrado no uso de iPads e tabletas na ensinanza.
Fomos 13 participantes de distintos países da UE (Suecia, Finlandia, Letonia, Lituania, Bulgaria, Grecia, Chipre e España).



O curso estivo organizado por Atempo, unha organización baixo a forma de franquía social que traballa pola inclusión socio-laboral de mozos e mozas con algunha discapacidade que xa remataron os estudos obrigatorios.



http://www.atempo.at/